3.12.11

Mudeime

Mudeime a blogaliza. Agora estou en: Caderno de Campo

12.11.11

PRESENTACIÓN en Lugo: Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal





  • A Galería Sargadelos e Edicións XErais de Galicia comprácense en convidalo/ a á
    presentación do libro

    TRECE NOITES, TRECE
    LÚAS

    Libro das marabillas do
    Nadal


    de Antonio Reigosa

    Ilustrado por Noemí
    López

    ________

    Luns, 21 de novembro, ás 20.00
    horas

    Galería Sargadelos, Praza de Santo Domingo, 4,
    Lugo
    Máis información sobre o libro e os autores

8.3.11

Guía ilustrada da Galicia invisible

FINALISTA DOS PREMIOS AGE-2011 ao mellor álbum ilustrado
_____


Antonio Reigosa (Autor/a), Noemí López Vázquez (Ilustrador/a)
Colección: INFANTIL E XUVENIL>EDICIÓNS SINGULARES
24 x 26 cm. / 104 Páxinas / Cartonado / I.S.B.N.: 978-84-9914-162-6
__________

Contido
Hai unha Galicia visible e hai outra que non se ve inzada de reinos, cidades, vilas, illas, covas, camiños, montes e outros moitos lugares onde disque fan vida xentes anfibias e outros seres capaces de circular entrambos os mundos, o tanxible e o intanxible, o que vemos e o que temos que imaxinar. Neste libro, unha guía práctica para viaxar por un cento destes lugares, abrimos as galerías, franqueamos e iluminamos os pasos soterrados para chegar a eses mundos escuros, sepultados baixo a terra ou a area, navegamos polas canles que conducen aos lugares mergullados baixo as arrebatadas augas dun pozo ou dunha lagoa, do mar ou do ceo, a guiámosvos polos carreiros que agabean ou descenden ata os segredos do misterio. Unha guía que fai visible o invisible.

CRÍTICAS, RESEÑAS
-El Progreso
-Edicións Xerais de Galicia
-Xornal de Galicia
-El Correo Gallego
-Armando Requeixo El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa).
-Expreso de Medianoite (Programa da Radio Galega)
-Caderno da crítica. Libros e lecturas. Blogue de Ramón Nicolás
-Radiofusión
-BLIX

7.3.11

POLAFÍA: Entroido e Polafía en Aldeola-Cerqueda 2011

Polafía en Cerqueda: Coa colaboración da Asociación de veciños Monte d'Arxa, Asociación Cultural Raigañas, Complexo Hostaleiro Aldeola. Organiza: AELG (As. de Escritores en Lingua Galega). patrocina: deputación da Coruña.
Máis información

6.2.11

POLAFÍA. Cabreiros-Xermade (Lugo) (30 vídeos)

Cabreiros-Xermade (Lugo)
Casa-escola do Chao (Local social da Asociación de Veciños de Cabreiros),
28 de novembro de 2009

21.1.11

Cabalos do demo e outros invertebrados , presentación en Lugo

_____
Cabalos do demo e outros invertebrados [Isidro Novo]
Editorial Trifolium, 2010
Texto da presentación na Galería Sargadelos, Lugo. [Xoves, 20 de xaneiro de 2011]
_____
Estamos aquí para presentarvos outra peza, outro piar no sólido e moi consolidado edificio que aos poucos vai conformando, a pasiños, Isidro Novo cunha xa ampla, variada e moi recoñecida producción literaria.
Isidro é poeta, narrador de prosa para os máis grandes e para os máis cativos. Tamén é articulista, ensaista, investigador e recompilador desas palabras galegas esquecidas polos diccionarios, e que el vai recuperando e dando a coñecer na sección da web da AELG que se chama Palabras con memoria.
Ademais de amigo é compañeiro no Consello Directivo da AELG e na organización de moitas actividades desta asociación, entre elas as que vimos compartindo coa xestión das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que vimos celebrando en Lugo desde o ano 2008, ou nesoutra aventura que chamamos “Polafías”, actividade coa que desde a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG pretendemos darlle voz a esoutros escritores e escritoras ignorados, eses que escriben coa boca e aos que debemos a tradición literaria oral e a conservación da lingua deste país.
Todos coñecedes títulos de obras de Isidro Novo como Dende unha nada núa, Por una presa de machacantes, Teaza de Brétema, Carne de can, Antollos de Eimarmena, Súa de si, Rosa lenta, Un escuro rumor tralo silencio, Esteiro de noites falecidas, Guía do bebercio lugués…, varios deles recoñecidos con premios tan prestixiosos como o Manuel Murguía de relatos curtos ou o Arcebispo San Clemente-2007 concedido por un xurado composto polo alumnado de secundaria de varios institugos galegos, concedido á súa magnífica novela Un escuro rumor tralo silencio.
Títulos aos que se engade agora este Cabalos do demo e outros invertebrados que hoxe presentamos da man da Editorial Trifolium e que enceta a colección Litterae.

CABALOS DO DEMO E OUTROS INVERTEBRADOS reúne cinco relatos que tiveron vidas separadas, que foron concebidos e escritos en circunstancias e momentos cronoloxicamente distantes e, supoño eu, emocionalmente tamén diferentes en que, sen embargo, conforman unha ensamblaxe ben homoxénea.
O primeiro dos relatos titúlase precisamente “Cabalos do demo”. É o máis longo dos cinco e no seu día, aló polo ano 1995, mereceulle ao autor ser premiado no IV Certame “Manuel Murguía” de Narracións Breves.
Cando o lin por primeira vez non reparei en moitos detalles que seguramente, de non chegar a facer unha segunda lectura, me pasarían desapercibidos.
Direivos que hai un protagonista que se chama Xaquín da Xanás, un magnífico narrador oral, un contador de sucedidos que aló na Casa do Pallete, cabo da Ponte de Landrove, en Viveiro, vai tecendo historias sorprendentes diante dun auditorio entregado.
Este Xaquín da Xanás é un mestre empregando unha técnica moi querida polos narradores orais coñecida como “egomórfica” e que consiste en focalizar a atención, localizando tanto a acción como os personaxes do que se narra nunha contorna próxima e coñecida pola audiencia para reforzar diante dos que escoitan a credibilidade da historia. Ademais, Xaquín non só narra, senón que participa do que se narra como un personaxe máis, e non precisamente secundario, da trama.
Mentres Xaquín conta, na Casa do Pallete ninguén respira; só el, o narrador, ten algunha licenza para tomar aire, recesos que aproveita para botar un grolo de viño por mollar a palabra e mais para dosificar convenientemente o suspense que toda boa narración precisa.
Este Xaquín de Xanás, por certo, é un solteiro con sona de picaflor, un home que anda dos sesenta e pico ou setenta, que vai contando a historia da convulsa relación entre Xan de Bravos, por mal nome O Pinchorro, e de María, a Bruxa de Castelo. Un historia que comeza precisamente coa narración da extraña morte de Xan de Bravos, momento no que entran en acción este insectos que aquí chamamos cabalos ou cabaliños do demo e que, polo que vos contarei un pouco máis adiante, teñen un papel principal no relato:
Que qué pasa, logo? Pois que a morto se lle abre a boca cun ronquido abraiante e que soa coma un trono cando se ten a treboada mesmo enriba. Nisto sentín que me ía eu tamén, pero para que tivese motivo de abondo, da boca do morto comezaron a saír, por centos, cabalos do demo negrísimos e escintilantes, portadores dunhas ás que parecían fabricadas da máis fina seda e que ao movérense, ao voaren, facían un ruído semellante ao de vidros lixeiros escachando. Daquela non, que non estaba eu para eses recreos, pero agora podería dicir que eran fermosísimos. Eses bichos, cunha mestría propia do demo que lles deu ata o nome fóronse situando por riba do cabalo que había un intre quedara orfo de xinete, e cando o derradeiro saíu daquela boca, puiden asistir a un espectáculo que endexamais esquecerei por moito que viva: eses insectos de luxo, atendendo a unha misteriosa intelixencia, fixeron a silueta de Xan de Bravos montado de novo.
E agora que xa sabemos o motivo polo que o relato leva por título “Cabalos do demo” direivos que foi nunha segunda lectura cando me decatei de que este título e moitos dos recursos que usa Isidro para conducirnos pola convulsa biografía dos personaxes que protagonizan este relato non son precisamente casuais.
Entre os insectos, os cabaliños do demo son os amos. En moitas culturas teñen mala prensa e aínda que non acabamos de entender moi ben o motivo, xa o nome indica unha relación entre eles e o Demo. Os cabaliños do demo poden voar cara adiante ou cara atrás, disque a unha velocidade que equivalería nos humanos a 200 quilómetrso por hora. En Cantabria chámanlles caballucos del diablo e din que só se deixan ver na noite de San Xoán voando entre fume, laparadas e xofre, e que brecan coa forza co que o faría un monstro xigantesco que se estivese queimando no máis profundo dos fornos do inferno. Din, ademais, que estes cabalos son sete e moi grandes, que cada un é dunha cor diferente e que van montados por demos que se dedican a estragar todo canto atopan ao seu paso.
Noutras linguas chámanlles dragóns voadores, e mesmo “señoritas” ou libeliñas que tamén lles chamamos nós; e hai lugares nos que existe a crenza de que os cabaliños do demo cosen a boca dos nenos que teñen a afección de contar mentiras.
Poden voar e copular ao tempo, subir e baixar no aire en liña recta, e quedar estantíos, levitantes. E ata hai unha postura erótica que se describe no Kamasutra que leva o mesmo nome: a postura do cabaliño do demo.
No que toca ao sexo direivos que hai un grupo de científicos da Universidade de Vigo que descubriu unha variedade destes insectos que vive nas Illas Azores que non precisan macho para reproducirse, aínda que a min non me quedou nada claro se siguen ou non practicando sexo, que, de facelo, sería só unha cuestión de darse gusto, de placer.
Pois foi nesa segunda lectura cando me decatei de que toda esta información de contido mitolóxico está presente case en cada parágrafo deste relato. As criaturas teñen efectivamente comportamentos demoníacos, as escenas de sexo son brutais, no sentido de que son máis propias de brutos, de bestas, ca de persoas, e hai unha violencia latente que lle acae moi ben aos personaxes, e ás historias que se contan. Cada personaxe conforma por si mesmo un relato independente, e todas se entrecruzan coma se os dous narradores (porque hai dous narradores neste relato, o escritor e o personaxe que conta, Xaquín de Xanás) se tivesen moito respeto ou quixesen alardear dunha elegancia exquisita para non estorbarse. É una grande mérito do narrador, un máis, facer que os planos narrativos se crucen unha e outra vez sen chegar a colisionar en ningún intre.
Desde o meu punto de vista como lector, este “Cabalos do demo” que xa foi premiado no seu momento moi merecidamente, só ten un pequeno defecto. Teño que dicilo: faisenos curto, e ao relelo parece que merma, que se fai aínda máis breve.
Ao lector pásalle como ao personaxe narrador, coma Xaquín de Xanás, que se deixa levar pola historia que conta unha e outra, e outra vez, cada vez máis con máis gozo.

O LOBO DAQUELA CAPARUCHIÑA
O segundos dos relatos do libro leva por título “O lobo daquela Caparuchiña” e cóntanos unha historia que non é, nin de lonxe, a que todos coñecemos da Carrapuchiña. Neste caso, Isidro tira partido de situación nas que uns personaxes con certo parecido aos do conto clásico para criticar comportamentos humanos tan cacarexados nos medios de comunicación como o abandono dos animais-mascota cando deixan de facernos gracia, ou o recurso das mentiras piadosas ao que recorren algúns pais para xustificarse diante dos fillos. Un relato breve que retrata con ironía algúns comportamentos desta sociedade hipócrita.

O VOYEUR E A DAMA INTANXÍBEL
No terceiro dos relatos contásenos a historia de Ludivina Adro Santos, representante de cosmética dunha empresa francesa, e a dun modesto empregado de banca destinado nunha oficina dunha pequena vila mariñeira. Vidas rutineiras que só se convulsionan cando pasa algo fóra do guión previsto. Tamén participa da historia un limpabotas diminuído físico que exerce de vedoiro, e a irmá deste vedoiro, personaxes todos eles cos que o autor vai construíndo unha trama en momentos delirante. O modesto empregado recibe unha descarga eléctrica a única vez que contacta co corpo da maxestuosas dama de rostro xélido. A casualidade fixo que o empregado de banca, ao viviren os dous en apartamentos enfrontados, se fose afeccionando ao deporte do voyeurismo, primeiro a simple vista, logo con prismáticos para rematar profesionalizándose mercando un potente telescopio.
O comportamente variable da dama faille imaxinar cousas ao mirón, dedica o tempo a elaborar conxecturas, a deducir hipótesis arredor das circunstancias de vida da dama que non sempre, nin moito menos, van ser atinadas.
De paso, en paralelo a esta historia, o narrador vainos decribindo maxistralmente e con grande ironía, problemas como o caos ubanístico, consecuencia da especulación e do pailanismo que imita gustos foráneos tanto na estética como nos costumes, para acabar conducíndonos por atallos imaxinativos ata un final sorprendente.
Claro que, como se di nalgunha parte deste realto: o ter unha idea predeterrminada das cousas bloquea a posibilidade doutras posibilidades.

UNHA ASOMBROSA SOMBRA
Esta sombra que asombra é a dunha ánima antiga, triste e apesarada por non poder rematar, cando aínda tiña corpo que a carrexase, a sú peregrinaxe a Compostela. Unha casualidade, moitos anos despois, vaille devolver a esperanza para completar esa viaxe na que se mesturan con moita habilidade por parte do autor o mundo das crenzas e o das comenencias, os vellos e os novos tempos e as diferentes motivizacións polas que calquera se pode botar a andar os camiños, calquera dos camiños do mundo.

VOSTEDE SIGA BEN, SEÑOR FISCAL
E por último, o quinto relato, un dos máis breves do libro e un dos máis contundentes. Trátase dunha historia protagonizada por un vaidoso e as súas aidades, un personaxe soberbio, como hai tantos, socialmente relevante, que vai acabar sendo vítima desa altivez, desa arrogancia, desa fachenda que tanto lle fai gozar da vida e que vai ser tamén a súa tumba. Se damos unha volta por esta cidade ou pora calquera outra, mesmo por unha vila pequena, tropezaremos con individuos coma este sen moito esforzo. Mais o sorprendente aquí non é o personaxe senón a solución que dá Isidro para poñer a cadaquén no sitio que lle debera corresponder.
Para ir rematando, ademais de felicitar ao editor, a Xoán Arias, pola magnífica edición deste “Cabalos do demo e outros invertebrados” creo que foi moi atinado, como dixen, reunir estes cinco relatos neste volume. Todos, ou case todos, os personaxes dos cinco relatos, tanto protagonistas como antagonistas, son paradigmáticos, singulares sen chegar a poder ser considerados raros. Xente do común, como somos todos, individuos e individuas que todos coñecemos, veciños, parentes e coñecidos dos que nin siquera sospeitamos.
Mais Isidro non só sospeita senón que nos ofrece uns retratos desa xente do común, feitos desde o ángulo preciso, co obxectivo ben enfocado nese algo especial onde, seguramente, ningún de nós se fixaría.
Felicito ao autor por esta presa de páxinas de magnífica literatura, por estes grolos exquisitos, e quédame convidarvos a todos e todas a que leades estes cinco relatos porque estou seguro (ademais de que me ides agradecer a recomendación) de que o ides pasar ben; moi ben.
Antonio Reigosa
Lugo, 20 de xaneiro de 2011

5.12.10

Lu e Go pola muralla

LU E GO POLA MURALLA
Alfagura.Obradoiro 2010
Ilustración da portada: Marta Álvarez
desde 12 anos
Nunca antes un paseo polo adarve da muralla romana de Lugo resultara tan accidentado. Un gato e un rato, Lu e Go, un negro e outro branco, comezan unha aventura cando escoitan unhas palabras de Álvaro Cunqueiro que sospeitan da existencia dun fabuloso tesouro na cidade. Unha viaxe instintiva, divertida, iniciática, circular, onírica...

__________
LU E GO POLA MURALLA
Antonio Reigosa
Ilustración de cuberta Marta Álvarez
Alfaguara Obradoiro 2010
Serie Azul. Desde 12 anos.

SINOPSE
Lu é un gato novo, de pelello negro, pachorrento, nacido no Regueiro dos Hortos, na mesma casa onde, supostamente, naceu San Froilán. O nome venlle da admiración da nai por Martin Luther King.
Go é un rato novo, branco, de aspecto físico peculiar, orellas grandes e bandullo avultado, que naceu nun chalé do barrio de Fingoi propiedade dos herdeiros de Antón de Marcos. O nome sería Gu, en memoria de Gutemberg, o inventor do gorentoso papel impreso, se non fose a vacilación vocálica propia dos ratos nacidos neste barrio que lles fai pronunciar “o” onde deberá dicirse “u”.
Hai dúas circunstancias que lles fan compartir protagonismo nesta historia; a primeira, que os dous son fillos circunstancialmente orfos, e outra, a coincidencia de que lles apetecese ir coñecer mundo o mesmo día, á mesma hora, no mesmo lugar, a Porta Miñá da Muralla de Lugo. O demais fíxoo o instinto (gato e rato nunca se levaron ben) e a literatura, concretamente escoitar a lectura pública dun anaco de “Tesouros novos e vellos” de Álvaro Cunqueiro onde se fala da posibilidade de que na cidade de Lugo exista un tesouro de doce vasos de ouro.
A carreira do gato e o rato vainos condenar a vivir situacións insospeitadas, episodios de ida e volta no tempo, do Lucus Augusti dos romanos ao actual, e nun espazo tan singular como a Muralla Romana de Lugo. O intento por atopar o tesouro no Museo Provincial vai provocar un accidente de gravísimas consecuencias.

PERSONAXES
Xunto a Lu e Go conviven na ficción personaxes imaxinarios e personaxes de carne e óso. Entre os do primeiro grupo están Monchiño Lamote, fillo do único profesor de chairego que houbo na historia, María Castaña e a súa alter ego escocesa, Mary Auburn, un can triorquidio, un neno-rato,un xigante que padece de fotofobia, a máquina do tempo perdido, a máquina trilingüe fornecedora de recursos lingüísticos, Súper Mario Poppins, o home que voa cun paraugas azul, un chirlomirlo branco, e ata descubrimos o monumento á Primeira Vítima do Cátering e unha nova rede social chamada Ghostbook.
Entre os personaxes reais, vivos, teñen protagonismo nesta ficción escritores como Isisdro Novo, Paco Martín, Jaureguizar, Xosé Miranda, o arqueólogo Enrique Alcorta, o avogado Xaime Dapena, activistas do ecoloxismo como Adela Figueroa e Daniel Vispo, o Mago Antón, actrices como Tareixa Campo e Paloma Lugilde, o fotógrafo Álvez, profesores como David Méndez ou o propio alcalde da cidade.
A novela usa recursos como os diálogos con textos literarios (Cunqueiro, Graña, Miranda), coa historia (a da propia Muralla de Lugo, a dos ratos e a gatos e a súa relación coa propagación das pestes), cos usos turísticos do monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, con ritos e costumes antigos e actuais como o culto a Mitra, a procesión das ánimas ou a queima de gatos polo San Xoán, e, sobre todo, con debuxos animados de tanto éxito como as aventuras de Tom e Jerry.

O ESPECULADOR
Un dos personaxes máis importantes da novela é o chamado Especulador, un aparente, un ser invisible que só pode escoitar o narrador e que co seu saber ilustra aos lectores sobre a historia dalgúns edificios achegados á Muralla, sobre nomes, orixe e funcións das portas ao longo do tempo, ou sobre calquera outro asunto, incluida a consideración de gatos e ratos en diferentes culturas e lugares.
O Especulador é o guía que fai posible que a ficción e a historia se dean a man nesta novela que quere ser un experimento literario-didáctico.

____________________
PALABRA DE AUTOR (TVG)
__________